Monday 06 de May de 2024

Somozas recibe tres Flores de Honra no certame ‘Vilas en Flor 2023’


• Trátase dunha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes.

• Esta foi a segunda vez que As Somozas se presenta a esta iniciativa, que este ano contou con 38 concellos inscritos.

O Concello das Somozas conseguiu tres ‘Flores de Honra’ na súa segunda participación no programa ‘Vilas en Flor’, impulsado pola Fundación Juana de Vega, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes.

A edición deste ano contou con 38 concellos inscritos e o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, recibiu o galardón o pasado sábado, 25 de novembro, nun evento celebrado no auditorio de Goián en Tomiño, anfitrión do evento.

Este programa, que distinguiu ao municipio somocense con tres Flores de Honra, está encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestructura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.
As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo.
O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, recolleu o premio “orgulloso polo que supón este recoñecemento e por, ademáis, acadar unha Flor de Honra máis con respecto ao ano pasado”. Tamén sinalou a “importancia de que un municipio como As Somozas fose premiado por segundo ano consecutivo nunha iniciativa de tanto calado a nivel social en toda a comunidade galega”.